sábado, 5 de outubro de 2013

14- O motor máis sinxelo



PRECISAMOS: unha pila de 1´5 voltios, un imán circular pequeno e un anaco de cable de cobre.


PROCESO: Dobramos o anaco de cable de cobre (ver imaxe), logo poñemos a pila sobre o imán circular e, finalmente, colocamos o anaco de cobre ao redor da pila. Cando o cable toca o imán comeza a virar ao redor da pila. Se non vira podemos dar ao cable un impulso inicial.

EXPLICACIÓN: Os motores eléctricos son máquinas que transforman a enerxía eléctrica en movemento (enerxía cinética). Un condutor polo que circula unha corrente eléctrica experimenta unha forza no interior dun campo magnético. Co deseño adecuado a forza magnética fai virar o condutor. No noso caso, cunha pila, un anaco de cable de cobre e un imán circular completamos un circuíto. Cando o cable de cobre toca o imán pechamos o circuíto eléctrico e a corrente comeza a circular polo cable. O imán proporciona o campo magnético e, co noso deseño, as forzas magnéticas que actúan sobre o cable de cobre producen un xiro do condutor ao redor da pila. É normal que o experimento non funcione ao primeiro intento. Requírese algo de práctica e paciencia para lograr que o cable de cobre vire ao redor da pila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario