Para facer o experimento necesitamos auga osixenada, un anaco de pataca crúa, unha botella pequena e unha caixa de mistos.
Vertemos auga osixenada na botella de cristal e logo botamos uns anacos de pataca crúa. Inmediatamente se forman unhas burbullas na superficie da pataca.
Despois de botar os anacos de pataca poñemos o tapón na botella e esperamos un intre para que se acumule o gas. Se pasados uns minutos metemos un misto aceso na botella vemos que se aviva a chama.
Explicación
Un catalizador é unha substancia que, mesmo en cantidades moi pequenas, modifica enormemente a velocidade dunha reacción química, sen que ela mesma sufra un cambio químico permanente no proceso. Como un exemplo consideremos a descomposición do peróxido de hidróxeno (auga osixenada) en auga e osíxeno. En ausencia de catalizador esta reacción realízase moi lentamente. Moitas diferentes substancias son capaces de catalizar a reacción, entre elas a pataca. A auga osixenada descomponse grazas á catalasa, unha encima presente na pataca.
Podemos recoñecer a presenza do osíxeno se metemos na botella un misto e vemos que se aviva a chama (unha atmosfera rica en osíxeno favorece a reacción de combustión).
Ningún comentario:
Publicar un comentario