O alumnado de 5º da nosa escola, CEP Campolongo, exercen estes días de pequenos investigadores tratando de descubrir a que tipo de solo e ecosistema pertencen as mostras de materiais recollidos para a investigación: terra, area, follas, bichería e incluso residuos inorgánicos- recollidas polo profesor Amancio Castro, de Vaipolorío, en sotos, praias e ríos.
Protexidos con luvas, os escolares, divididos en equipos, clasifican as mostras, aparentemente sen moita dificultade, a pesar das trampas que lle pon o profesor Castro para facerlles pensar. Os ourizos das castañas non deixan lugar a dúbidas. Proceden dun soto de castiñeiros. Pero que fai entón no medio unha folla de carballo, si non hai landras entre os restos. A conclusión á que chegan é que o vento puxo arrastrala desde unha carballeira próxima.
Outro equipo trata de identificar polo cheiro unha folla de loureiro. «Cheira a marisco», din. Efectivamente, as súas nais utilízano para cocelo e hoxe aprenderon que esta especie autóctona se dá na ribeiras dos ríos. Neste caso pertence ao ecosistema do Gafos, igual que outras follas de amieiros, vidueiros ou salgueiros que teñen sobre a mesa.
A area de praia tampouco deixa lugar a dúbidas sobre o ecosistema litoral do que procede , pero vén mesturada con outros restos que permiten intuír que hai piñeirais e eucaliptales próximos.
Con esta actividade, titulada "Os segredos dunha presa de terra", participa Vaipolorío no programa Voz Natura de La Voz de Galicia, desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, neste ano 2015 dedicado ó solo.
Ver máis fotos
Ver nova na prensa
Ningún comentario:
Publicar un comentario