A UNESCO está convencida de que a educación é a pedra angular dun enfoque sustentable e eficaz da prevención do VIH. De acordo co informe de 2016 sobre as diferenzas en materia de prevención, dous terzos dos mozos non teñen un coñecemento correcto e exhaustivo do VIH. Este feito, axuntado a outros factores como a falta de acceso aos servizos, o estigma, a discriminación e as desigualdades estruturais, explica as consecuencias desproporcionadas do VIH en certas poboacións.
Por exemplo, a pesar dos esforzos considerables que se realizaron para intensificar a resposta á SIDA, cada semana rexístranse uns 2000 novos casos de infección polo VIH entre as adolescentes e mulleres novas de Sudáfrica. A educación por si soa non constitúe unha fórmula máxica para a prevención, pero sen ela, outros enfoques de prevención, xa sexa o uso de preservativos ou a profilaxe previa á exposición, nunca cumprirán todas as súas promesas.
Sobre esta base, na súa calidade de fundadora do Programa Conxunto das Nacións Unidas sobre o VIH/SIDA, a UNESCO únese á Secretaría do ONUSIDA e ás súas organizacións copatrocinadoras na conmemoración do primeiro Día Mundial da Loita contra a SIDA na era dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.
O ONUSIDA celebra este acontecemento a través da campaña denominada "Levantemos as mans pola prevención VIH", que exhorta a revitalizar os esforzos de prevención a fin de que o mundo acelere a acción para acabar coa epidemia da SIDA en 2030.
Durante máis de dúas décadas, a UNESCO axudou aos países para impulsar o programa de prevención a través da súa acción de promoción dunha educación sexual integral, así como por medio doutras cuestións sanitarias importantes, tales como o fortalecemento da resposta do sector educativo ao uso de sustancias adictivas e a prevención da violencia por motivos de xénero, identidade de xénero ou orientación sexual nas escolas.
Este enfoque enmárcase na nova Estratexia da UNESCO sobre a Educación para a Saúde e o Benestar, que está en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e a Estratexia do ONUSIDA 2016-2021, e pon de manifesto o recoñecemento crecente dos vínculos estreitos que existen entre a educación, a saúde e o benestar. Esta visión en prol dunha acción global é a mensaxe da UNESCO no Día Mundial da Loita contra a SIDA, e nunca fora tan importante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario