martes, 10 de decembro de 2013

Que é a Declaración e Programa da Acción de Viena ?

A Conferencia Mundial de Dereitos Humanos celebrada en Viena en 1993 é un fito na historia das Nacións Unidas. 

A aprobación da Declaración e o Programa de Acción de Viena foi de gran axuda para os nosos esforzos encamiñados a lograr a observancia dos principios da Carta das Nacións Unidas e da Declaración Universal de Dereitos Humanos. 

Os 7.000 participantes na Conferencia superaron importantes diferenzas para elaborar un documento final convincente que puxese de relevo o carácter indivisible e interdependente dos dereitos económicos, sociais, culturais, civís e políticos, que se reforzan mutuamente.

A Declaración e o Programa de Acción de Viena reforzaron importantes principios, entre eles a universalidade dos dereitos humanos e a obrigación dos Estados de acatalos. Ademais, proclamou inequivocamente os dereitos da muller e subliñou a necesidade de combater a impunidade, inclusive  mediante a creación dunha corte penal internacional permanente.
A promoción e protección dos dereitos confirmouse como un elemento central da identidade e o propósito das Nacións Unidas, o que levou  a adoptar a crucial decisión de establecer o cargo de Alto Comisionado para os Dereitos Humanos. Cada vez que eses dereitos se violan ou son  ameazados, a voz do Alto Comisionado levántase coherente, clara e resoante en favor da dignidade e a rendición de contas.

A Conferencia de Viena foi un importante fito na loita da humanidade polos dereitos humanos universais. Pero aínda queda un longo camiño  por percorrer para converter os principios en realidade. En demasiados lugares, e para demasiadas persoas, os dereitos humanos e o imperio da lei non  pasan de ser quimeras. 

Só cando a dignidade e a igualdade de dereitos inherentes de todos os membros da familia humana sexan verdadeiramente respectados poderemos confiar na existencia de liberdade, xustiza e paz neste mundo.

Con ocasión da conmemoración do vixésimo aniversario da Declaración e o Programa de Acción de Viena  redobremos os nosos esforzos para cumprir a responsabilidade colectiva de promover e protexer os dereitos e a dignidade de todas as persoas en todo o mundo.

BAN Ki-moon 

Secretario General de las Naciones Unidas

Ver toda a Declaración e Programa de Acción de Viena

Ningún comentario:

Publicar un comentario