sábado, 23 de abril de 2016

Mensaxe da Sra. Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, con motivo do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor



Non hai nada como un libro.  Un libro é un vínculo entre o pasado e o futuro. É unha ponte entre xeracións e entre culturas. É unha forza para crear e compartir a sabedoría e o coñecemento.

Frank Kafka dixo unha vez: " Un libro debe ser un machada para romper os mares conxelados dentro da nosa alma" .

Xanelas á nosa vida interior, os libros son tamén a porta á comprensión e o respecto entre os pobos, máis aló das fronteiras e as diferenzas. En todas as súas formas, os libros encarnan a diversidade do enxeño humano, dando corpo á riqueza da experiencia humana, verbalizando a procura de sentido e de expresión que comparten todas as mulleres e todos os homes, que fai avanzar a todas as sociedades. Os libros contribúen a unir á humanidade como unha soa familia, compartindo un pasado, unha historia e un patrimonio, para forxar un destino común onde todas as voces sexan escoitadas no gran coro das aspiracións humanas.

No Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, en colaboración coa Unión Internacional de Editores, a Federación Internacional de Libreiros e a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas, isto é o que celebramos: o poder dos libros para fomentar a creatividade e promover o diálogo entre as mulleres e os homes de todas as culturas. Dou as grazas a Wroclaw (Polonia), Capital Mundial do Libro 2016, polo seu compromiso coa difusión desta mensaxe en todo o mundo.

Isto nunca foi máis importante, nun momento en que a cultura é obxecto de ataques, en que a liberdade de expresión se ve ameazada e en que a diversidade afronta un auxe da intolerancia. En tempos revoltos, os libros representan a capacidade humana de evocar mundos reais e imaxinarios e expresalos en palabras de entendemento, diálogo e tolerancia. Son símbolos de esperanza e de diálogo que debemos valorar e defender.

William Shakespeare morreu o 23 de abril de 1616, só un día despois que Cervantes. Neste día, fago un chamamento a todos os asociados da UNESCO para compartir esta mensaxe: os libros teñen o poder de contrarrestar o que Shakespeare chamou «a maldición común do xénero humano, a necedad e a ignorancia».